domingo, 31 de janeiro de 2010

CARTA Ó SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA.

Os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística puxeron en coñecemento do Secretario Xeral de Política Lingüística a carta que reproducimos máis abaixo no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no día de onte, sábado 30, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.


Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son).

Investigación da Flora Das Lagoas de Carregal e Vixán feita por 5 anos A de Infantil.

sexta-feira, 29 de janeiro de 2010

Pescando ditos, refráns, poemas... con sabor a mar de Aguiño(3º de Primaria)

Portt

Preparando o día do amor en Galiza: 2 de Febreiro, día da Candeloria.

ONDE PODEMOS ATOPAR O AMOR?

NUNHAS ANTENIÑAS QUE SE MOVEN MENTRAS SE CANTA UNHA CANCIÓN?



NAS MESTRAS FALANDO MENTRAS COMEN UNHA CASTAÑA?
NA OLLADA DUN NENO?
FACENDO NUBES DE CORES?
NUNHA SESIÓN DE MAQUILLAXE?
NA LECTURA SILENCIOSA DUN CONTO?

NOS VERSOS DUN POETA?

Científicas e científcos no colexio.






terça-feira, 26 de janeiro de 2010

segunda-feira, 25 de janeiro de 2010

domingo, 24 de janeiro de 2010

sexta-feira, 22 de janeiro de 2010

PANCARTEIRA DO CEIP DE AGUIÑO: ESTREAMOS PANCARTEIRA DA LINGUA NA ENTRADA DO COLEXIO.






Camiñan o meu rente moitos homes,
non os ceñezo. Sonme estrano.
Pero tí que te alcontras alá lonxe,
mais alá dos desertos e dos lagos,
mais alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Si é tua a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos soños son iguales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sexan distintas
e tí negro i eu branco,
e tendo semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común témo-la patria,
común a loita ambos,
a miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.
Se sintes en probeza,
se sofres inxusticia,
se cheo de rabexa
encirras á cobiza
do teu peito o can,
pra tí chea de forza
vai miña mau, irmán.
(Celso Emilio Ferreiro)

quinta-feira, 21 de janeiro de 2010

quarta-feira, 20 de janeiro de 2010

A GRAN MAIORÍA DO CLAUSTRO DO CEIP DE AGUIÑO E A SÚA ANPA SÚMANSE Á FOLGA EN CONTRA DO GALEGO.



MOTIVOS EN CONTRA DO DECRETO DA REAL ACADEMIA.



Exposición de motivos DA COORDINADORA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN DE GALIZA.

1. Trátase dun texto innecesario xa que nace para derrogar un decreto sen que previamente fosen avaliados os resultados da súa aplicación e, polo tanto, sen demostrar que non fose adecuado. Ademais non se parte da análise da realidade sociolingüística de Galicia, na que existen dúas linguas que non están na mesma situación.

2. Dende o propio título do documento ponse de manifesto que se pretende romper coa liña desenvolvida en Galicia desde o comezo da autonomía de lexislar sobre o uso da lingua galega no ensino de cara a conseguir a súa normalización, pois este concepto non se menciona (Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios e Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo).

3. Faise unha perversión do Decreto aínda en vigor: preténdese dar a imaxe de que se respecta o seu contido en canto que se imita a súa estrutura e copia unha parte substancial de maneira literal. Neste borrador prodúcese unha clara contradición porque fala de desenvolver os preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino mentres que o que fai é restrinxir o seu uso, non só como lingua vehicular do ensino senón tamén como lingua da administración educativa.

4. Así mesmo, cítase unha lexislación aprobada para a defensa e promoción da lingua galega (Lei de normalización lingüística) para, baixo o aparente obxectivo de potenciar as linguas estranxeiras, reducir paradoxalmente a súa presenza no sistema educativo. Tamén se terxiversa o contido da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias ratificada polo goberno do Estado en 2001, á que se alude para xustificar a potenciación do plurilingüismo cando no citado texto se menciona explicitamente que este non se procurará en detrimento das linguas minorizadas.

5. Na lexislación citada para xustificar este borrador óbviase de maneira premeditada unicamente o Decreto 247/1995, aprobado por un goberno do mesmo partido político que propón este borrador, e que tiña como finalidade única desenvolver a Lei de normalización lingüística no ensino.

6. No intento de desacreditar o Decreto 124/2007 non se menciona que este naceu para desenvolver o Plan xeral de normalización da lingua galega, refrendado por unanimidade por todos os partidos políticos presentes no parlamento e que sinalaba no ano 2004 que o Decreto 247/1995 era insuficiente para conseguir os obxectivos para os que fora aprobado (pese á súa aplicación, o 20% do alumnado galego declarábase incapaz de falar fluidamente en galego).

7. Para derrubar o Decreto en vigor argumentando a súa ilegalidade, faise referencia ao ditame 366/07 do Consello Consultivo de Galicia, facendo as seguintes lecturas parciais e interesadas:

a) Alúdese a que o Decreto 124/2007 foi considerado non conforme a dereito polo Consello Consultivo, órgano non vinculante que cuestiona algúns aspectos concretos, non o conxunto do articulado, como parece desprenderse da redacción das actuais bases.

b) Pretenden derrogar o decreto vixente baseándose na hipótese, carente de rigor, de que o anterior modelo eliminaba o castelán do ensino, cando en realidade o perigoso é a aposta actual por enfrontar á sociedade dando a entender que hai que escoller entre o galego e o castelán, como se existisen dúas comunidades lingüísticas diferenciadas.

c) En cambio, ignora sentenzas en firme das máximas instancias xudiciais como a emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
(sentenza 01084/2007), que ratifica a legalidade do Decreto 124/2007 recordando que a sentenza 337/1994 do Tribunal Constitucional proclama que "no puede ponerse en duda la legitimidad constitucional de una enseñanza en la que el vehículo de comunicación sea la lengua propia de la Comunidad Autónoma y lengua cooficial en su territorio, junto al castellano” (STC 137/1986, fundamento jurídico 1.), dado que esta consecuencia se deriva del art. 3 C.E. y de lo dispuesto en el respectivo Estatuto de autonomía” e que “la Administración educativa no puede abdicar de la obligación que en el Estatuto de autonomía se le impone de pretender normalizar el uso del gallego dentro de su esfera de competencias”.

d) Tamén se xustifica a derrogación do decreto de 2007 argumentando que non establecía un mínimo de materias impartidas en castelán. Pois ben, ningún dos textos anteriores establecía un mínimo de materias impartidas en castelán. O Decreto 247/1995 regulaba cales eran as materias que se debían impartir en galego e establecía que nas outras materias “empregarase a lingua que se teña establecida no proxecto educativo de centro aprobado polo claustro e o consello escolar”; engadía que se respectaría o equilibrio entre as dúas linguas oficiais e que no PEC “constarán as oportunas medidas de apoio e reforzo para un correcto uso lingüístico escolar e educativo co fin de acada-lo obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística (Art. 14.3º).”.

Recordemos que o dito artigo fai referencia a que ao acabar os estudos obrigatorios o alumnado debe posuír competencia plena en galego e isto deixa aberta a porta a maiores porcentaxes de uso se así se considera pertinente para acadar o dito obxectivo.

8. O argumento usado para elaborar o novo decreto susténtase nunha enquisa elaborada sen ningún rigor científico ao tempo que se ignoran informes e estudos da RAG, do Consello da Cultura ou das universidades, e falséase a realidade pois o compromiso de derrogación do Decreto 124/2007 é anterior á realización da enquisa.


9. Como obxectivo final do texto márcase “garantir a competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais e acadar coñecemento efectivo en lingua(s) estranxeira(s)”. É obvio que tal como se formula non se poden garantir ningún dos dous obxectivos propostos:

a) Non se pode “garantir a competencia semellante” das dúas linguas oficiais porque se lles dá un tratamento igualitario a dúas linguas que non se atopan na mesma situación na sociedade.

b) Tampouco se pode “acadar coñecemento significativo en lingua estranxeira” a través da medida proposta, tal e como avalan os especialistas na adquisición de linguas estranxeiras. Ademais, recordemos que este texto vén substituír outros anteriores que naceran para a promoción da lingua galega e ese ten que ser o seu obxectivo. Para fomentar o plurilingüismo debería elaborarse un plan estratéxico diferente que analice a situación de partida, que propoña medidas concretas e realizables, que conte cun orzamento específico, que parta de necesidades pedagóxicas…

Disposicións:

2. A lingua na Administración educativa

1. Xa o Decreto 247/1995 establecía que a lingua da administración educativa era o galego. Dicía tamén “a Administración educativa de Galicia e os centros de ensino utilizarán a lingua galega e fomentarán o seu uso”. Agora prodúcese un claro retroceso ao sinalar que se “promoverá” e “fomentará” a utilización do galego, que queda supeditado a un uso voluntarista.

2. Por primeira vez faise unha distinción entre distintos tipos de documentos administrativos e didácticos dependendo de se están referidos a áreas lingüísticas ou non, indicando que “con carácter xeral” se redacten nas respectivas linguas. Isto resulta contrario a dereito se temos en conta que se trata de documentos públicos e ningún pai ou nai ten a obriga de coñecer linguas que non sexan as oficiais.

3. Na lexislación precedente xa estaba garantido que calquera persoa podería solicitar a versión en castelán dos documentos emitidos pola Administración educativa, polo que é evidente que esta redacción non ten como obxectivo garantir os dereitos do administrado, senón restrinxir o uso do galego na administración.

4. Elimínanse todas as referencias existentes nos Decretos 247/1995 e 124/2007 a que a toponimia debe aparecer na súa forma oficial.

3. Educación infantil

1. Se o profesorado vai usar na aula a lingua predominante entre o alumnado estase incumprindo o art. 13 da Lei de normalización lingüística, que prescribe que todo o alumnado ten dereito a recibir educación na lingua materna. Por esa razón non se pode aceptar que se eduque na lingua dominante xa que deste xeito non se respecta o dereito da minoría. Este problema, que xa se presentaba no Decreto 247/1995, solucionábase no Decreto 124/2007, xa que se garantía a presenza das dúas linguas nas aulas.

2. Ademais, o artigo 8 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias de 1992 indica que a Comunidade Autónoma está obrigada a prever no ámbito preescolar:

a) unha educación na lingua minoritaria,
b) que unha parte substancial da educación se faga na lingua minoritaria,
c) ou, polo menos, aplicar unha das medidas anteriores para os alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente.

Ningunha destas tres medidas se recollen no borrador.

3. O borrador apunta que “se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente na lingua predominante na aula”. Esta medida impide a integración dos nenos e nenas na aula, obxectivo fundamental da Educación Infantil.

4. Non se establecen medidas efectivas que garantan a adquisición dos obxectivos de etapa no referente ás competencias lingüísticas nin á preparación lingüística necesaria para adquirir os contidos da etapa posterior.

5. No Decreto 124/2007 a lingua da contorna era establecida polo claustro tendo en conta parámetros obxectivos (datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, Instituto Galego de Estatística, etc.) e tamén a información que achegasen as familias. Agora só se atenderá ao último como único criterio para establecer a “lingua materna”. Por outra banda non se prevén situacións como a posibilidade de que esa información non coincida coas observacións do profesorado na aula, que a lingua da familia non sexa ningunha das linguas oficiais, que o pai e a nai se comuniquen en linguas diferentes, que os prexuízos lingüísticos das familias condicionen a resposta, etc.

6. Resulta rechamante que tamén nesta etapa se reduza a presenza da lingua galega a pesar de que non se xusticica nun incremento da(s) lingua(s) estranxeira(s) no currículo.

7. Se as familias deben indicar a “lingua materna” no momento de formalizar a preinscrición, isto pode levar a que nos centros (para atender os dereitos de todo o alumnado) establezan grupos diferentes en función de cal vai ser a lingua vehicular e, polo tanto, haberá segregación por causa de lingua, o que contravén o artigo 13.3 da Lei de normalización lingüística (“Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón de lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas”).

4. Educación Primaria, ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de persoas adultas

1. O sistema dos tres terzos aumentará, sen lugar a dúbidas, o fracaso escolar por diferentes motivos:

a) diminuirá a competencia lingüística do alumnado nas linguas oficiais ao reducir o número de horas impartidas nestas linguas.


b) dificultará a adquisición por parte do alumnado dos contidos propios da materia ao seren impartidas un terzo destas en linguas estranxeiras, posto que se tratan dunha linguas non presentes no contorno. Ademais, introdúcese de maneira temperá cando o alumnado aínda non ten garantidas as competencias nas súas propias linguas, o que pedagoxicamente é inadecuado, e contravén o artigo 15.3 da Lei de normalización lingüística.

c) farase extensiva esta medida a todo o alumnado, sen ter en conta o alumnado con necesidades educativas especiais (os de Programas de Diversificación Curricular, alumnado que se integra en agrupamentos para recibir reforzo nalgunhas materias, alumnado de Programas de Cualificación Profesional Inicial).

2. Provocará a discriminación do alumnado, que recibirá unha educación diferente dependendo do perfil lingüístico de cada centro, vulnerando o principio de igualdade de oportunidades. Estas diferenzas agudizaranse no rural, onde a oferta de centros é moito máis reducida.

3. Será inviable ofertar o 33% en cada unha das linguas polas dificultades organizativas que provocará nos centros e, ademais, como o reparto de linguas se fai por horas e non por materias, resulta imposible que matematicamente se poida respectar esta porcentaxe.

4. A Administración educativa debe regular a asignación da lingua das materias para evitar o caos do sistema e garantir a súa conveniencia pedagóxica e unha educación igualitaria porque é a que conta co asesoramento dos especialistas; non facelo así evidencia unha deixación de funcións. Así se aclara na sentenza de 18 de novembro de 2009 emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na cal se expresa que o dereito dos pais a escolleren o tipo de educación que queren para os seus fillos “no autoriza el diseño del currículo educativo de los hijos a conveniencia de los padres”.

5. Trasladar ás familias a escolla da lingua vehicular na que se van impartir as materias supón que deben decidir sobre aspectos dos que non teñen por que ter coñecemento, como a calidade dos materiais pedagóxicos existentes en cada lingua ou o nivel de competencia lingüística do profesorado. No entanto, si pode provocar serios conflitos no seo da comunidade escolar (entre familias e
profesorado pero tamén nas familias entre si).

6. A suposta liberdade de elección das familias non enriquece a formación do alumnado, xa que só se conta coa súa opinión para escoller a lingua na que se van impartir dúas materias, ignorando moitos outros aspectos que inciden directamente na educación dos seus fillos.

7. Non se ten en conta a opinión do profesorado e increméntase a perda de credibilidade da profesión docente.

8. Non se regula nin quen nin como debe tomar a decisión sobre a “oferta equilibrada” que se debe ofrecer nos centros onde se imparte o Bacharelato.

9. Non se regula a distribución lingüística na Formación Profesional e na Educación de Adultos, e elimínase a posibilidade de garantir a adquisición de competencias en lingua galega, que a lexislación anterior si consideraba.

10. Dende o momento en que o reparto de horas para cada lingua se debe facer sobre as linguas “ofertadas” e non sobre as “impartidas”, pode ser que o reparto “equitativo” establecido polo Consello Escolar non sexa real unha vez que o alumnado escolla en que materias se matricula.

7. Horarios e utilización das linguas

1. Supón un retroceso non só con respecto ao Decreto 124/2007 senón incluso con respecto ao Decreto 247/1995 no que se dicía que “se procuraría” que nas materias en galego o alumnado empregase esta lingua.

2. Prétendese que o alumnado acade competencia nas dúas linguas pero isto é imposible se se lle dá a opción de escoller en cal se quere expresar (a competencia implica dominio activo a nivel escrito e tamén oral).

3. Nas materias impartidas nas linguas oficiais o alumnado pode empregar calquera lingua, mentres que non se especifica o que pode acontecer nas materias impartidas en lingua estranxeira.

8. Elaboración e publicación de materiais curriculares

Por primeira vez un borrador elaborado supostamente sobre as bases da Lei de normalización lingüistica, que debería promocionar a lingua galega, regula que se vai promover a elaboración e publicación de materiais na outra lingua oficial e incluso na lingua estranxeira. Isto resulta paradoxal cando precisamente un dos problemas cos que se encontran os docentes son as grandes carencias de material en lingua galega.

9. Proxecto Lingüístico de Centro

1. Un proxecto no que se debe establecer un reparto equitativo entre as horas impartidas en galego e castelán, e supeditado á competencia do profesorado en linguas estranxeiras, non se pode realizar a tan longo prazo (cada 4 anos) porque as circunstancias do centro cambian cada curso (profesores en prácticas, baixas, traslados…) e mesmo no propio ano lectivo.

2. Calquera profesor/a pode verse na obriga de impartir a súa materia en calquera das tres linguas se así se decidiu no Consello Escolar do centro (en moitas ocasións antes de que el/ela formase parte do cadro de persoal). Isto implica que a acreditación que o capacite para impartir a súa materia en galego debe esixirse a todo o profesorado, loxicamente tamén aos/ás docentes que acceden a través do concurso de traslados procedentes doutras comunidades.

3. Na elaboración do PLC, igual que no resto do documento, limítase moito a presenza da lingua galega: xa non é necesario prever medidas oportunas para atender o alumnado que non teña dominio suficiente do galego e tampouco se regula nada con respecto á lingua das actividades extraescolares e complementarias, aspecto este no que parece moi interesante incidir pois é fundamental para que o alumnado estea en contacto con realidades que na súa vida cotiá coñece só en castelán.

4. O Claustro de profesores perde a competencia que se lle outorgaba no Decreto 124/2007 pois a súa opinión non se ten en conta para refrendar o Proxecto Lingüístico de Centro.


10. Equipos de Dinamización Lingüística

O cambio de nome dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, ao que se lle quita o termo “normalización”, é a proba evidente do que se pretende con este Decreto: impedir que nos centros se tomen medidas e se realicen actividades tendentes a conseguir a normalización lingüística.
A presenza e implicación das familias na vida escolar é desexable e moi positiva, pero a súa participación só se comprende se se estende a todos os departamentos.

14. Exención da cualificación das probas de lingua galega

1. Prodúcese unha clara discriminación entre as dúas linguas oficiais pois só se poderá conseguir a exención (durante 3 cursos académicos) da cualificación en lingua galega. Se se incorpora ao noso sistema un/unha alumno/a que non coñece nin castelán nin galego non hai ningún motivo para que estea exento dunha e non da outra. Detrás disto escóndese un prexuízo por considerar que o galego é unha lingua de segunda.

2. Non se propoñen medidas para facilitar a integración do alumnado inmigrante, tales como aulas de apoio onde aquel se familiarice coas linguas oficiais.

Disposicións adicionais

Prevese que a consellería estableza un procedemento para a avaliación do nivel de competencia nas dúas linguas oficiais en Primaria e ESO. Consideramos que a dita avaliación debe realizarse non só de maneira escrita senón tamén a través dunha proba oral onde se demostren as competencias activas e as pasivas. Ademais, esta avaliación debe realizarse cunha periodicidade anual, pois é a única maneira de poder tomar medidas efectivas para corrixir a situación.

COORDINADORA EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN.

quinta-feira, 14 de janeiro de 2010

NON SO É UN BORRADOR! É UNHA DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS CONTRA A NOSA LINGUA GALEGA!


Na páxina http://www.queremosgalego.org/ xa están anunciados os autobuses para a manifestación do día da folga (na menú da parte esquerda). Por favor dádelle a maior difusión posible. Aquelas persoas interesadas por favor ide chamando a xente responsable de cada liña de autobús para ir organizando todo o tema .
A BARBANZA
Ribeira ás 9:30 da estación de buses.
Pobra ás 9:40 na Praza Maior.
Boiro ás 9:50 na Praza do Concello.
Rianxo ás 10:05 na parada da Ribeira.

quarta-feira, 13 de janeiro de 2010

POLA NOSA LINGUA, POLA NOSA IDENTIDADE.



Ante o ataque galegofóbico, antipedagóxico e preconstitucional que supón a proposta, firme, de derrogación do decreto de promoción do galego no ensino, está a ser un clamor a necesidade de dar respostas sociais. Como se mostra nesta ampla recompilación de artigos, análises e posicionamentos, á que cómpre engadir esta contundente opinión de Xavier Vence.
E a primeira desas respostas será a folga xeral do xoves 21. Nunca houbo tantas razóns.

video

terça-feira, 12 de janeiro de 2010

domingo, 10 de janeiro de 2010

Comenza o 2010 con neve fría.



Chove en Santiago e en toda Galiza. O 2010 trae neve fría as nosas almas galegas coa saída no novo borrador do decreto do galego.
Valoracions do borrador.