terça-feira, 7 de julho de 2009

Bo verán!





Galego, portugués, castelán, inglés, francés, catalán, alemán…o universo é un puzzle!, e nós, as galegas e os galegos, afortunadamente, formamos parte do planeta terra cunha lingua propia, isto chámase ter moita sorte! E ademáis gústanos coñecer outras pezas do puzzle e decirlle ó mundo que nos tamén temos unha coa que podemos encaixar.

Cando chega o final de curso é hora de facer balance e avaliar todo o traballo feito durante o ano. O equipo de Normalización e Dinamización Lingüística traballou durante todo este tempo polo uso e a valoración do galego. O curso pasado empezamos a facer un estudo sociolingüístico a nivel de toda a Barbanza onde se pon en manifesto a sombra da desgaleguización que está sufrindo a nosa comarca. Obsérvase como curso a curso vaise perdendo galego/as falantes. É preciso facer un alto no camiño e ser autocríticos e autocríticas buscando responsabilidades para frear este proceso que nos resta riqueza e identidade como galegas e galegos: Medios de comunicación? Administración? Profesorado? Familias? Entre todas e todos vestimos os nosos nenos e nenas, polo tanto o espazo de reflexión ten que partir dende o embigo de cada quen, todas e todos tecemos as súas vestimentas. Se nós, como adultos e adultas, falamos en galego, eles e elas falarán en galego! Se nos valoramos o galego, eles e elas valorarán a súa lingua! Se nos mimamos cada palabra, cada expresión…cada son en galego, eles e elas construirán un presente e un futuro de prestixio e dignidade, unha Galiza onde o galego poida sobrevivir e medrar ca enerxia que se merece. Enerxía que logo se reinvertirá en aprender novas linguas e respetar outras culturas que tamén lle farán medrar como persoas respetando a diversidade, a pluralidade,...deixemos que os nosos nenos e nenas teñan o dereito a ser irrepetibles, únicos e insustituibles, como as pezas dun puzzle de cores.
Nesta liña o Equipo de Normalización e Dinamización Língüística desenvolveu un amplo abanico de propostas, buscando dar cobertura e implicando o maior número de axentes educativos na súa programación.Entre outras actividades podemos salientar:
- Investigación trimestral co material aportado polas familias: alcumes, sobre Sálvora e receitas mariñeiras.
- Colaboracións cos distintos Equipos de Dinamiación e titorías: biblioconcurso e poemario visual con centros de toda Galicia coordinado con Biblioteca; Dotación de recursos bibliográficos para o Equipo de Medio Ambiente, Educación Física, contos para as aulas de Educación Infantil, Revista co Equipo de Tic, Bonecos interculturais para Educación Infantil…
- Organización do correlingua.
- Autocolantes.
- Día da Candeloria.
- Colaboración coa Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza (onde participan colexios de Rianxo, Pobra, Boiro e Ribeira), algunhas das cousas que se fixeron este curso foron: folleto de recomendación de lecturas para o Nadal, correlingua…
Seguiremos traballando para que as nosas nenas e os nosos nenos teñan o dereito a seguir medrando na súa lingua.

No puzzle de cores do universo, Aguiño encaixa!

BO VERÁN!