segunda-feira, 22 de novembro de 2010
A COORDINADORA DOS EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN DE GALICIA RECOLLE O PREMIO ALTOFALANTE EN RIBEIRA.
Nun acto no que non faltaron as gaitas de Algharabía nin as pandeiretas de Lumieira, a entidade Altofalante de Ribeira entregou o sábado, no conservatorio ribeirense, o premio instituído no 2006, co que se recoñece o traballo de quen difunden a lingua galega e a súa cultura. Nesta ocasión o distintivo recibiuno a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, á quen o presidente de Altofalante, Xosé Antonio Vázquez Cobas, animou a manter o labor desempeñado ata agora.
Vázquez Cobas, quen asegurou que o galego impregna a sociedade dun xeito transversal, con independencia de clases sociais e ideoloxías políticas, subliñou que o distintivo á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística era un xeito de darlle ánimos «xa que na súa andaina recibiu todo tipo de descalificacións».
Precisamente, este colectivo, do que agora forman parte 600 mestres de toda a comunidade, tivo a súa orixe no municipio de Ribeira. Entre os mestres que contribuíron ao seu nacemento atópanse Miguel Louzao, secretario da coordinadora que, naquel momento, impartía clases en Ribeira. Do presidente de Altofalante recibiu o premio. Sen embargo, o diploma quixo entregarllo outro docente, Luís Teira, que tamén tivo unha implicación decidida neses primeiros anos de vida do colectivo.
Voluntarios
Na súa intervención, Miguel Louzao dixo que o Altofalante era o primeiro galardón que recibía a coordinadora e non ocultou que lle causou sorpresa.
Ao mesmo tempo, comentou que as persoas que pertencen a neste colectivo traballan de forma voluntaria, no seu tempo libre, porque aman o galego. Tamén indicou que a coordinadora xurdiu por un grupo de xente que consideraba que era preciso dinamizar o ensino no galego. Nese sentido, precisou que nos seus inicios o colectivo estaba integrado por trinta persoas e que pouco a pouco foise sumando xente de toda Galicia.
Na entrega do premio estiveron presentes, entre outros, a voceira do BNG, Dominga Brión, e a concelleira e deputada provincial Rosana Pérez
A nova na Voz de Galicia.