sexta-feira, 12 de novembro de 2010

ONDE A TERRA ACABA O MAR COMEÇA.


“Onde a terra acaba e o mar começa.” o título deste proxecto recolle un verso da obra de Luis Camões, título que contextualiza o mesmo, e que como o propio mar abre as portas ó coñecemento dos destinos cruzados das fisterras atlánticas. Estas serán o escenario deste novo proxecto de innovación, enfatizando o magnetismo xeográfico do noroeste, sendo Aguiño e a súa comarca unha pequena Fisterra que necesita ser coñecida en profundidade polo noso alumnado par poder establecer paralelismos con outras culturas. Este magnetismo, sen lugar a dúbidas, ten como imán principal o solpor, o morrer do sol nos nosos mares, feito recollido dende o principio dos tempos: mitoloxía, crenzas…Subliñar que o SOL xunto con outros astros e elementos naturais terán un significado protagonista neste proxecto: politeismo, escultura, gravados…
Este proxecto empezou a moldearse a partir dos distintos proxectos que xa estaban enriba da mesa unha vez saída esta convocatoria, sendo a innovación unha aposta e unha liña metodolóxica que vai fiando tódolos proxectos de centro, fusionándoos e creando unha especie de engranaxe. Deste xeito a aposta polo uso e valoración do galego é transversal e inherente a tódalas accións educativas que se desenvolven no centro.
Será unha viaxe no tempo e no espazo contrastando semellanzas e diferenzas. Outra coincidencia das fisterras que queremos incluír é o movemento migratorio.Podemos falar dun xogo de importación e exportación de elementos culturais, cuestións diferenciadoras das Fisterras Atlánticas, de principios e fins de camiños de peregrinación, tamén chamados camiños dos solpor. O estudo destes estratos históricos convertirase no coñecemento e comprensión dos mesmos como “sustrato” que configuran a nosa realidade como galegos e galegas, e como cando adoptamos distintos elementos doutras culturas moldéanse adquirindo características propias. Podemos dicir que as sementes que medran nas nosas terras adquiren as sustancias de tódalas etapas que nos diferencian e nos achegan a outras culturas.
(Imaxe de Luis Seoane)