sexta-feira, 12 de novembro de 2010

RECOÑECEMENTO Ó TRABALLO DA COORDINADORA GALEGA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. DENDE AGUIÑO OS NOSOS PARABÉNS!


Coordinadora Galega de Equipos de Normalización.
Premio Altofalante 2010 á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Ribeira, polo San Martiño de 2010. O presidente da asociación cultural ribeirense Altofalante, Xosé Antonio Vázquez Cobas, informa da decisión tomada este ano para conceder o premio Altofalante 2010. Como é costume en Certo, reproducimos íntegra a acta do xurado:

A Xunta Directiva da Asociación Cultural Altofalante, celebrada o sábado 2 de outubro de 2010, entre outros asuntos, por unanimidade acordou:

Conceder o premio Altofalante do Ano 2010, á Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística (CGEDNL)

Esta entidade agrupa a profesorado e Equipos de Normalización Lingüística que desenvolven a súa actividade no seo dos centros de ensino do país, de cara a que o alumnado saia da escolarización obrigatoria sendo competente na nosa lingua.

A Xunta directiva destacou como méritos á hora de conceder o premio, os seguintes:

•Ser quen de xuntar a unha parte moi importante das comunidades educativas de Galicia de cara a coordinarse e actuar conxuntamente no ámbito da normalización lingüística nos centros.
•Participar activamente -dando argumentos pedagóxicos e lingüísticos- da necesidade de que o noso idioma teña maior presenza no sistema educativo.
•A capacidade para integrar no seo da organización a profesionais do ensino público, privado e privado-concertado e de todos os niveis educativos.
•Organizar campañas de sensibilización e dinamización da nosa lingua como poden ser “Orgullosos no noso. Orgullosos do Galego” que foron un grande éxito de proxección pública.