segunda-feira, 1 de fevereiro de 2010

2 de Febreiro: Día da Candeloria. Festa do amor en Galiza!



A CANDELORIA (por Luís Amado Carballo)

Na catedral do abrente
oxe cásans' os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibens soben no lonxe
como rosarios d' encenso.

O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.

Vai tocando pol-o campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.

O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.

Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa d' esta noite
estrena un luar o campo.


Algúns refráns relacionados:

•A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa
•Cando a Candeloria chora, metade do inverno vai fora
•Pola Candeloria a metade do inverno vai fóra, se chora ou venta, aínda entra
•Se a Candeloria chora, o inverno vai fora. Se ri, o inverno quere vir
•Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar.