Este mércores, día 10 de febreiro de 2010, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza celebrou unha rolda de prensa no IES Nº1 de Ribeira, onde contou co presenza de perto de setenta nais/pais, alumnado e profesorado de centros de infantil, primaria e secundaria (tanto do ensino público, como do concertado) de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira.
Na Coordinadora de ENDL do Barbanza indicaron que durante estes últimos meses tiveron multitude de preguntas e queixas polo feito de que desde a Consellería de Educación se quixese facer retroceder a lingua galega no ensino.
Por este motivo a CENDLB quixo que foran directamente os implicados no ensino os que ofreceran o sentir maioritario da comunidade educativa do Barbanza.
No acto interviñeron varios membros de distintos colectivos (ANPAS, alumnado e profesorado) que centraron as súas intervencións nos graves prexuízos contra o galego deste “Borrador” nos seguintes puntos:
-Un retroceso do galego por primeira vez desde que temos democracia, obviando toda a lexislación vixente, incluído o Estatuto de Autonomía que obriga ao goberno galego a protexer e fomentar a nosa lingua.
-O galego non está normalizado, polo tanto está en desigualdade co castelán e só através dunha presenza ampla no ensino (mínimo do 50% das materias) se pode ir cara un maior equilibrio.
-Úsase o introdución do inglés como coartada para facer retroceder o galego, nós non temos nada contra as demais linguas, pero hai outras maneiras de fomentar o plurilingüísmo sen facer retroceder o galego, que a nosa lingua propia e lingua tamén oficial.
-Se se leva a cabo este borrador de decreto, provocará un FRACASO ESCOLAR maior aínda, xa que moitos nenos e nenas non poderán seguir as clases con normalidade
-Ao mesmo tempo provocará moitos conflitos entre familias e docentes, só pola deixación de funcións da administración, que é quen ten que fixar todo o currículo educativo.
Por todo isto, manifestaron unanimemente o rexeitamento da comunidade educativa do Barbanza a este borrador do Decreto e manifestaron o seu desexo de poderen continuar como até agora, pois non tiveran ningún problema coa actual situación.
Así foi recollido o acto por Canal Rías Baixas:
A nova, con máis imaxes, en Certo.